Andres Gaos Berea (1874-1959) foi un importante compositor, intérprete, director de orquestra e docente galego. Naceu na Coruña no seo dunha importante familia de músicos.
Andres Gaos Berea (1874-1959) foi un importante compositor, intérprete, director de orquestra e docente galego. En 1874 nace na Coruña no seo dunha importante familia de músicos. Aos 6 anos trasládase a Vigo onde o seu pai rexentará, na rúa Príncipe, unha tenda e un salón musical. Os seus estudos co violín comézaos a temperá idade e, aos 9 anos, dá os seus primeiros concertos con gran éxito por parte da crítica. Bolseiro pola Deputación de Coruña, continuará a súa formación con Jesús de Monasterio en Madrid e con Eugène Isaÿe en Bruxelas. Unha vez finalizados os seus estudos, realiza diferentes xiras por todo o mundo, actividade que continuará ao longo da súa vida.
En 1895 recalará na Arxentina, país no que fixa a súa residencia permanente, tras unha pequena estancia en Uruguai e algún período posterior en Francia.
Ademais dos diferentes conservatorios arxentinos e uruguaios nos que traballou, chegará a fundar na cidade de Buenos Aires dous importantes conservatorios, sendo o mestre de figuras tan relevantes como Manuel Almirall, Victor Hormaechea ou Celia Torrá.
Entre o seu labor de director, cabe destacar o traballo realizado coa Orquestra Lamoureux de París.
O seu catálogo compositivo inclúe máis de 70 obras (orquestrais, escénicas e de cámara) destacándose entre elas a Impresión nocturna, a Sinfonía nº 2, Nas Montañas de Galicia, a súa ópera Amor vedado ou a canción Rosa de Abril.
Ao longo da súa vida manterá relación con algunhas figuras relevantes do seu tempo, como Camille Saint-Säens, Emanuel Moor, Pau Casals, Alberto Williams ou Julián Aguirre.
No reverso, dedicatoria autógrafa ás “Srtas. de Vicuña” Fotografía Hispanoamericana, Vigo
A Coruña, 1889
No reverso, dedicatoria autógrafa ao pianista Francisco Pillado Fotógrafo Enrique F y Bello, Coruña, c. 1889
Autógrafo para a clase de Françoise Gevaert,1891
Andrés Gaos foi un reputado violinista internacional. Desde a infancia, demostrou unha extraordinaria aptitude para a interpretación do violín, o que o levará a presentarse en salas de boa parte do mundo: España, Portugal, Francia, Bélxica, Alemaña, Italia, Holanda, Rusia, Estados Unidos, Cuba, México, Uruguai ou Arxentina.
Ver a galería fotográfica do arquivo documentalDos diferentes violíns que tocou Andrés Gaos ao longo da súa vida, actualmente consérvanse catro deles: un violín alemán de finais do século XVIII (restaurado ex profeso para a exposición), un Alcide Gavatelli, un Federico Loechner e un singular violín construído por Emanuel Moor para ser tocado por Andrés Gaos. Nesta sección inclúense os catro violíns e catro dos seus arcos, diferentes utensilios cos que Gaos axustaba os seus instrumentos, a documentación vinculada ao Moor e unha reportaxe fotográfica sobre o proceso de restauración do violín do século XVIII.
Ver a galería fotográfica do arquivo documentalBuenos Aires, 1929
Mirecourt, 1929
Buenos Aires
Na súa faceta de intérprete, Andrés Gaos é coñecido, fundamentalmente, como violinista. Moito menos divulgado, con todo, é o gran dominio que tiña do piano. Ademais de en salóns, tocará piano habitualmente nas súas clases, acompañando aos seus alumnos de violín tanto nas aulas como nos concertos que se facían no conservatorio. As gravacións da súa obra para piano que Gaos fixo en discos instantáneos e que chegaron ata nós, son unha boa mostra da súa calidade como pianista.
Como músico de gran proxección, Andrés Gaos relacionouse ao longo da súa vida con parte dos músicos máis importantes da súa época. Grazas aos seus estudos en Madrid, coñecerá a Tomás Bretón e será alumno de Jesús de Monasterio. Terá trato próximo con outros violinistas españois máis sobresalientes como Manuel Quiroga ou Pablo Sarasate e co violonchelista Pau Casals.
Entre as personalidades europeas, destaca a súa amizade co compositor francés Camille Saint-Säens e o músico portugués Vianna da Motta.
Na Arxentina relacionarase cos compositores e músicos máis relevantes: Alberto Williams, Carlos López Buchardo, Julián Aguirre ou Juan José Castro.
Ver a galería fotográfica do arquivo documentalAndrés Gaos naceu no seo dunha importante familia de músicos. O seu padriño e tío materno foi Canuto Berea Rodríguez, destacado editor e compositor galego e posuidor dunha tenda na Coruña, cuxa sucursal en Vigo era dirixida polo seu pai Andrés Gaos Expiro. Algúns dos seus irmáns eran tamén músicos, así como os seus curmáns. Posteriormente casará coa violinista e cantante América Montenegro, con quen terá 5 fillos e, posteriormente, coa súa alumna Luisa Guillochón, quen lle dará tres fillos máis.
Apreciase a importancia destas relacións, tanto na formación como no desenvolvemento profesional de Andrés Gaos así, como algúns dos acontecementos máis importantes da época, como a Guerra Civil española e a influencia que esta tivo na súa familia máis próxima.
Ver a galería fotográfica do arquivo documentalAndrés Gaos dirixirá varias orquestras ao longo da súa vida. A primeira será a da Sociedade de Concertos da cidade de Vigo, da que se pon ao mando con apenas 17 anos. Unha vez que se traslada a Arxentina, dirixirá habitualmente as orquestras dos conservatorios nos cales era profesor da clase de Conxunto. En París, estará á fronte da orquestra da Asociación de Concertos de Lamoureux cando o nomean comisionado arxentino para a Exposición Internacional de Artes e Técnica da Vida Moderna que se celebrou en París en 1937. A súa dirección orquestral recibiu as mellores críticas por parte da prensa francesa.
Ver a galería fotográfica do arquivo documentalAndrés Gaos compuxo, ao longo da súa vida, máis de 70 obras de diferentes xéneros: sinfónica, de cámara e escénica. A súa estética podémola situar dentro dun neorromanticismo de corte clasicista. Nela atopamos obras inspiradas no folclore galego, no arxentino e composicións cun cariz máis universal.
A importancia que lle dá á súa creación ponse de manifesto no feito de que se dedica a ela ao longo de case toda a súa vida. A súa primeira composición, Premier Printemps, realízaa en Bruxelas con 17 anos e a derradeira, Rosa de abril, en Mar del Plata con 84, pouco antes do seu falecemento.
Ver a galería fotográfica do arquivo documentalAndrés Gaos desenvolveu ao longo da súa vida unha importante actividade pedagóxica, fundamentalmente como profesor de violín. Fundará dous conservatorios na capital arxentina, o primeiro en 1904 e o segundo en 1923. Así mesmo, será profesor en Buenos Aires no Conservatorio Nacional Arxentino de Alberto Williams e o Conservatorio Pallaertz. En Uruguai dará clases no Conservatorio La Lira xunto á súa primeira esposa, América Montenegro. Tamén se dedicará a escribir obras para os seus alumnos, como o é o seu Método de violín e as súas adaptacións para violín e piano de obras doutros autores. Entre os seus discípulos máis destacados temos a Manuel Almirall, Víctor Hormaechea, Remberto Giménez, Juan José Castro ou Celia Torrá.
Ver a galería fotográfica do arquivo documentalEn 1895, con 21 anos, Andrés Gaos emigrará a Arxentina, país no que vivirá, con excepción dalgunhas tempadas, ata a súa morte en 1959. Por esta razón, e por terminar naturalizándose, será considerado un músico arxentino ademais de galego.
Ao longo da súa vida realizará varias composicións con temática arxentina, formará parte de diferentes institucións, como a Sociedade Wagneriana de Buenos Aries e a Sociedade Nacional de Música. Será inspector de ensino (sección música) a partir de 1935 e, en 1937, é designado comisionado para representar á Arxentina na Exposición Internacional de París.
Ver a galería fotográfica do arquivo documentalPodemos considerar a Andrés Gaos como un dos compositores galegos máis universais, sabendo axuntar na súa obra, desde elementos netamente galegos sacados do folclore, ata recursos de carácter moito máis universal. O recordo da súa terra natal perdurará nel ao longo de toda a súa vida, a pesar de vivir a maior parte dela na Arxentina. Proba disto é que, tanto a súa segunda obra, Muiñeira para violín e piano, como a súa derradeira, a canción Rosa de Abril escrita 66 anos despois, son composicións galegas e que, entre estas dúas, haberá outras como os seus Aires gallegos, Nuevos aires gallegos ou a súa segunda sinfonía, En las Montañas de Galicia, entre moitas outras.
Todo isto, así como a súa boa calidade como intérprete, valeralle ser considerado pola crítica e prensa galega, dun e outro lado do Atlántico, como un abandeirado da nosa música e cultura.
Ver a galería fotográfica do arquivo documentalDono a la Biblioteca América de la Universidad de Santiago de Compostela el Fondo documental y dos violines de mi padre, Andrés Gaos Berea, para su custodia y conservación en Galicia, su tierra natal, a fin de que, desde ella, se siga el proceso de difusión de este insigne músico gallego, que yo inicié hace más de 50 años.
Andrés Gaos Guillochón Buenos Aires, 11 de maio de 2017
Cando Andrés Gaos falece en 1959, converteuse nunha figura completamente descoñecida. É por esta razón que o seu fillo, Andrés Gaos Guillochón, dedicarase desde a década do sesenta ata o seu falecemento en 2018, á tarefa de estudar e divulgar a figura do seu pai. Neste labor participarán tamén outros músicos e investigadores, que tiveron unha importancia fundamental. Rodrigo A. de Santiago, director da Banda da Coruña, dará conferencias e interpretará obras de Andrés Gaos, Ramiro Cartelle auspiciará a creación da Asociación Musical “ Andrés Gaos” na Coruña e o investigador e musicólogo Joám Trillo dedicarase a editar boa parte da súa obra. Pola súa banda, a Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo as batuta de Víctor Pablo Pérez gravará varios discos con repertorio de Gaos e, en 2005 e en 2010, chéganse a publicar dúas biografías de Andrés Gaos: unha por Rosa María Fernández e outra por Xullo Andrade Malde.
Ver a galería fotográfica do arquivo documental